venres, 20 de marzo de 2020

Alumnado de 1º de ESO visita o complexo dunar de Nigrán


O alumnado de 1º de ESO visitou o xoves 12 de marzo o complexo dunar de Nigrán.

A visita enmárcase dentro das actividades que se desenvolven ó abeiro do Plan Proxecta dentro da liña de Paisaxe e Sustentabilidade que está a coordiar a profesora do Departamento de Ciencias Naturais Liliana Monetti.

O obxectivo desta actividade foi o de coñecer a importancia das dunas no mantemento do litoral e da biodiversidade.

O complexo dunar de Nigrán, declarado ENIL (Espazo Natural de Interés Local) polo concello de Nigrán, xoga un papel moi importante como reservorio de area evitando así que durante o inverno os temporais erosionen a praia. Ó mesmo tempo, o cordón dunar protexe o litoral da forte oleaxe no inverno, evitando así graves efectos sobre as infraestruturas (estradas, paseos…).

O ecosistema dunar da acubillo a un gran número de especies animais e vexetais perfectamente adaptadas a este tipo de ambiente.

Durante a visita, o alumnado puido identificar as especies vexetais características e observar as súas adaptacións a este ambiente tan singular.

Pola súa situación, as dunas de Nigrán están sometidas a numerosas ameazas que poderían afectar ó seu equilibrio natural. A limpeza mecanizada das praias afecta á dnámica natural dos bancos de area e á conservación e protección da flora dunar.

O alumnado identificou as principais especies vexetais exóticas invasoras, observou a presencia de numerosos residuos e atopou restos, case un ano despois, da última festa de San Xoan.


A xornada tivo un marcado carácter educativo e de sensibilización mediambiental. É necesario que a poboación local, especialmente os rapaces, coñezan a importancia do seu patrimonio natural porque só a través do coñecemento poden aprender a respetalo e a conservalo.